Coleccións Mar de Fábula
Anos de limpezas
Unhas veces a colleita é máis abundante e sorprendente que outras
A diversidade dos materiais que nos devolve a mar ten unha xusta correspondencia coa sociedade actual de frenético consumo onde todo se busca e se atopa, todo se compra e todo se abandona, deixando na mar a súa pegada.
E o lixo mariño, nos seus compoñentes, vai tomando diferentes vieiros de creación artística, cada un deles provisto da súa propia linguaxe, pero todos eles poñendo en evidencia a irracionalidade do noso trato coa mar.
Faite socio e colabora
A Asociación Medioambiental Mar de Fábula está reclutando a xente comprometida coa natureza
O telón de fondo do lixo mariño son os chicotes, anacos de corda plástica de todas as cores aínda que a verde, en todas as súas tonalidades, é a que manda con diferencia. Despois ven a cor laranxa tamén cos seu matices, despois a azul clara, despois a azul escura, despois a amarela…. a cor vermella é a que máis escasea.
Todos eles, dibuxan círculos, limitan formas e enchen valeiros.
Ás veces, a mar, na espera do momento oportuno para nos facer unha nova entrega, entretense moldeando pezas de plástico, madeiros á deriva e incluso ferros, vellas estachas de ferro que nun tempo remolcaron buques e hoxe, desfeitos os seu aramios coma garras, loitan por atrapar un tempo fuxidío….
Entón chegamos nós, poñemos o último detalle e apropiámonos da obra.
As caras da contaminación. As feas caras da contaminación pero abraiadas tamén.
Todas elas teñen como unha expresión de interrogante, de desconcerto. Saben que non están no sitio correcto e que hai unha falta de orde e harmonía na súa contorna. Todo está mesturado con todo. Son as máscaras dun carnaval exhibicionista onde todo se expón, todo se vende e todo se consume.
Elas saben que en circunstancias normais, non deberan de existir. Ven sendo como escribir de novo a historia da ciencia pero ao revés. É como se non fora aínda superada a antiga teoría da xeración espontánea, segundo a cal, a fermentación e putrefacción do lixo orgánico xeraba vida. Así, baixo as precisas convulsións do océano, a milleiros de séculos de distancia, nas profundidades da mar onde bule caótica a vida, o lixo de plástico (é carbono tamén) está a dar lugar a novas formas de vida.
Trátase de recuperar en obradoiros abertos a todos, o antigo costume entre a xente mariñeira, de reutilizar toda unha serie de crebantes e restos de aparellos de pesca, dando forma a maquetas de barcos, xoguetes, adornos…. como unha maneira creativa e educacional de emprego do tempo libre.
Así mesmo, preténdese desenvolver un tipo de artesanía funcional, úneca no seu diseño, como son diferentes modelos de lámpadas de pé, mesa e teito que poderían ter unha saída en tendas de decoración exclusiva.