Metamorfose

As ondas da mar sucédense unha tras outra...

…coma aves escuras, de interminables ás abertas, formando un apretado bando que non coñece límites na sua forza….

Unha forza xeradora de vida que remexe arreo os materiais que atopa no seu seo e da a luz estrañas criaturas de lixo…

Para ter unha boa colleita de refugallos, os días de temporal non son os máis favorables; tampouco os días de calma tropical. O mellor momento é xusto despóis do temporal, cando a mar, exhausta, descansa a súa pel e respira coma un neno.

Entón, as grandes comportas do PAÑOL GRANDE, rebentadas por unha tromba de detritus e decepción, depositan na ribeira restos de naufraxios, botellas de vidro sen mensaxes, estachas de todos os tamaños, madeiros que apuntan formas, caixas de plástico, botellas de plástico, tapas de plástico, tapones de plástico, toldos de plástico, tuberías de plástico, bolsas de plástico que enchidas de area ondulan corpos na ribeira…. Tamén anacos de redes, aparellos de pesca, botas de goma, lubas de goma, flotadores, boias, defensas e sempre, sempre chicotes de moitas cores, asomando as suas puntas por riba da area ou entre a selva murcha dos arghassos, unhas veces contaminados e outras limpiños, relucintes, coma de estrea, coma vagalumes diurnos lavadiños pola mar…… Todos materiáis plásticos que tardarán centenares de anos en se degradar.

Coleccion Criaturas Caoticas 00002
coleccion-criaturas-caoticas-00010
coleccion-criaturas-caoticas-00009

A mar devólvenos estos materiais alterados e rotos pola sua forza e invítanos, nun íntimo e paciente diálogo, a integralos na nosa capacidade creativa, suxeríndonos novas formas, lonxe do seu antigo uso cotián, fora xa dos entolecidos circuitos da cultura do consumo.

E así xurden criaturas fantásticas de todas as formas e tamaños, con vísceras circulares e grandes ollos asombrados. E por medio da nosa comunicación visual con estas criaturas monstruosas pero inofensivas, podemos establecer novas canles de análisis e reflexión sobre a nosa actitude de agresividade e maltrato á mar e á sua contorna.

¿Queres saber máis sobre as criaturas caóticas? Mira o video

Asociación Medioambiental Mar de Fábula

Unha primeira aproximación ás criaturas caóticas

Baixo as tranquilas augas da Zona de Converxencia Subtropical do Atlántico Norte, un xigantesco remuiño de refugallos plásticos está a xirar e xirar co seu vórtice situado nas profundidades do océano, nas simas de Castletown, dentro do crater dun grande e ardente volcán.

Nos abismos do océano Atlántico, na máis remota das profundidades, a centos de séculos de distancia, baixo a tépeda e nutricia tona da Mar dos Arghassos, as leis do Caos están a dictar as normas dunha Nova Segunda Creación.

A mar, orixe da vida, nai paciente e coidadosa de todas as formas de vida que habitan a Terra, nun parto contra-natura e axudada pola nosa inapreciable colaboración, está a dar a luz novas formas de vida.

Dentro do corpo deste inmenso Maelstrom, os refugallos de plástico espállanse , mestos, dentro dun círculo de miriadas de kms., flotando todo ao longo da altura da columna de auga coma pó flotando no ár. Estos anacos de plástico, cada vez máis pequenos, colisionan uns cos outros, combínanse uns cos outros, nunha atmósfera líquida de confusión e degradación mecánica.

De vagar, cada un destos anacos de plástico recoñece a afinidade química dos outros e xúntase con eles, mestúrase con eles, fúndense entre eles, formando unha masa miscelánea de plásticos que da lugar a novas formas, novos corpos, novos seres fantásticos nunca ollados antes. Son producto do Caos, estrañas criaturas caóticas, tímidas, inseguras, con grandes ollos abraiados ao ver o que lles está a pasar, ao ver o que acontece en torno a eles.

A rede internacional de informadores coñecida polo acrónimo IMBA (International Maritime Beachcombers Association) está a informar por medio de mensaxes cifradas en botellas de vidro, sobre estraños movementos que teñen lugar ao longo das costas dos cinco continentes. Estas mensaxes están a informar sobre unha marea crecente de animais de plásticos multicores como vermes, cempés, moscas, libeliñas, volvoretas, arañas, formigas, tartarugas, serpes, paxaros….. que están a xurdir da mar, silenciosas novas criaturas que están chegando ás praias, ós coídos, subindo polos acantilados…..

(seguirá…)

Só para persoas comprometidas

Se che preocupa o medio ambiente e queres facer algo para que o mar permañeza limpo de plásticos e suciedade faite socio de Mar de Fábula e participa nas nosas limpezas por toda a costa galega