Breve historia de Mar de Fábula

Dende 2014 limpando o mar e educando

A asociación Mar de Fábula, con sede actual en Camelle, Camariñas, é unha asociación sen ánimo de lucro que ten por obxectivo limpar o mar.
Dende xaneiro do ano 2014, comezo das súas actividades, Mar de Fábula organiza todos os meses limpezas en praias e coídos da Costa da Morte e Área Metropolitana da Coruña.
Os primeiros traballos de limpeza da ribeira estiveron cargados de simbolismo. A primeira limpeza foi o 15 de abril do 2014 no Museo-Xardín do Alemán de Camelle. A segunda limpeza, 15 días máis tarde, foi no coído da Punta do Boi, no recinto e na contorna do Cimiterio dos Ingleses, en Camariñas. As enormes vagas de mar daquel inverno invadiran de lixo mariño toda aquela zona incluíndo o recinto do camposanto (o noso traballo por este cometido mereceu o recoñecemento da embaixada do Reino Unido en España)

Recollidas Mar De Fabula 019
recollidas-mar-de-fabula-002
recollidas-mar-de-fabula-016

Ao mesmo tempo lévase na asociación un proceso de información e concienciación cidadán sobre a contaminación e dano xerado polo lixo plástico ( 90% do lixo mariño que apañamos) e a necesidade de atallar esta contaminación na sua orixe.

Despois de sete anos de intenso traballo, Mar de Fábula ten conseguido por fin dispoñer, dende xaneiro do 2020, dunhas instalacións cunha ubicación privilexiada, diante do paseo marítimo e da praia de Camelle, que actúan como centro de actividades ambientais da asociación. En base a dispoñer destas instalacións, Mar de Fábula desenvolve tres principais liñas de actuación que marcan a súa estratexia de cara a traballar polo futuro do planeta e deixar ás novas xeracións un mundo habitable.

0 +

Voluntarios

0 +

Toneladas de lixo recollidas

0 +

Animáis rescatados

Fechas máis importantes na historia de mar de Fábula

Os fitos da Asociación Mar de Fábula

Durante o inverno de transición 2013 a 2014, unha serie de “ cicloxénesis explosivas” bateron con descoñecida forza contra o litoral de Galicia, afectando de maneira especial á Costa da Morte, xerando grandes vagas de mar que lanzaron contra a costa enormes volumes de lixo mariño, chegando a centos de metros terra adentro.
Esta catástrofe ambiental foi o detonante para o comezo das actividades de Mar de Fábula na defensa do mar comezando de contado, en xaneiro do 2014, a tarefa de apañar todo o lixo amoreado na contorna de Camelle, planificando ao mesmo tempo dúas accións ambientais que estarían cargadas de simbolismo e marcarían o rumbo a seguir na limpeza do mar: A limpeza do Museo Xardín de Man e a limpeza do Cimiterio dos Ingleses, Punta do Boi, Camariñas.

Camelle (Camariñas)

Limpeza no Museo-Xardin de Man

Durante 2 horas de traballo, 5 voluntarios veciños da vila apañaron enorme cantidade de lixo plástico espallado polo coído e dentro do museo: Enchéronse 15 sacos de 100 litros con lixo plástico composto de botellas,envases, caixas, boias, anacos plástico ríxido, espumas, cabos, cordas, etc.etc. máis unha morea de lixo a granel. Con esta acción devolveuse a dignidade á memoria de Man e ao que resta do seu museo. Contouse co apoio logxístico do concello de Camariñas.

15 de abril de 2014

Camariñas

Limpeza no Cimiterio dos Ingleses. Punta do Boi

Durante 3 horas de traballo, 5 voluntarios apañaron enorme cantidade de lixo plástico espallado por todo o coído e dentro do camposanto. Enchéronse 21 sacos de 100 con toda sorte de lixo plástico: bidóns, botellas, envases metálicos, restos big-bags, lonas, neumáticos, bloques de espumas, centos de anacos de plástico de todos os tamaños e un enorme volume de lixo a granel : caixas do peixe, nasas, grandes estachas, maquinaria, mobles, estruturas de ferro... materiais incribles devoltos pola forza do mar. Convencidos da transcendencia do traballo realizado, informamos do mesmo por correo electrónico á Embaixada do Reino Unido en España. Días despois, recibimos carta do Embaixador agradecendo en nome da reina, do pobo británico e del mesmo o traballo de limpeza e recuperación da dignidade do camposanto onde descansan os restos dos náufragos do Serpent. Contouse co apoio loxístico do concello de Camariñas.

28 de abril de 2014

Touriñán (Muxía)

Primeira limpeza no coído de Touriñán

A limpeza neste fermoso, amplo e desolado coído foi un traballo agotador. O lixo mariño, impulsado polas vagas de mar e os ventos dos oestes asolagaran toda a superficie do coído e a matoxeira da contorna. Durante case 4 horas de traballo, 19 voluntarios realizaron un esforzo descomunal, apañando por todo o coído moreas de envases, bidóns, nasas, cabos, boias, botellas, caixas enteiras e rotas, multitude de anacos de plástico ríxido, espumas sintéticas, etctec. Un moble de cociña, case enteiro pousado polos ventos a cen metros arriba entre os toxos. Un traballo épico. Para a retirada do lixo e o seu procesamento no Punto Limpo, contouse co apoio loxístico do concello de Muxía.

17 de xaneiro de 2015

Camariñas

Limpeza nos coídos e praia do Trece

Zona de difícil acceso, afastada de camiños para transporte motorizado. Achegámonos ao coído descendendo polas pistas do monte da Pescadoira Durante 3 hora e media 21 voluntarios apañaron enormes cantidades de lixo plástico espallado entre os bolos e o areal. Ademáis do lixo plástico habitual, grandes anacos de madeira procesada e cabos enredados. Para a retirada do lixo plástico utilizouse o tractor con remolque do concello que fixo a viaxe de volta polo monte cara arriba.

14 de febreiro de 2015

Xaviña (Camariñas)

Primeira limpeza na zona marisqueira da Basa

Traballo de limpeza e conservación do ecosistema mariño no fondo da ría de Camariñas, na zona marisqueira da Basa, en colaboración coa Agrupación de Mariscadoras de Camariñas. Durante 3 horas de traballo 11 mariscadoras e 15 voluntarios desplegados en diferentes zonas da ribeira levaron adiante a importante tarefa de apañar todo o lixo plástico amoreado na contorna do banco marisqueiro. O traballo, adicado e coidadoso das mariscadoras e voluntarios na recuperación da limpeza e valor estético da zona foi decisivo para manter no tempo este traballo conxunto para poñer en valor a riqueza natural da ría de Camariñas. Total da infame colleita foron 75 sacos de 100 litros cheos de lixo plástico misceláneo máis moreas de granel. Todo foi transportado polo tractor con remolque do concello aos containers que Mar de Fábula tiña naquela altura diante da Granxa en Arou. Neste lugar procedeuse á súa clasificación e separación para depósito, recuperando materiais para a súa reciclaxe artística.

15 de abril de 2015

Castelo de Sta Cruz, Oleiros

Primeiro Encontro Internacional do Lixo Mariño no Ceida

Estas xornadas, celebradas durante tres días, organizadas polo Ceida, RetoqueRetro e Mar de Fábula, tiveron por obxectivo reunir diferentes grupos de crebeiros e artistas do lixo plástico procedentes de Portugal, Francia, Italia e España para dialogar, transmisión de experiencias e coñecemento mutuo sempre no marco de realización de limpeza de praias durante os días das xornadas e tendo de pano de fondo unha mostra artística conxunta de RetoqueRetro e Mar de Fábula na sala de Exposicións do concello. Durante catro anos máis as xornadas foron enriquecéndose en formas e contidos, quedando en suspenso no ano 2020 pola pandemia.

Setembro de 2015

Reira (Camariñas)

Limpeza no coído de Punta Cagada

Limpeza dunha grande dificultade nunha das zonas máis remotas da Costa da Morte, onde nunca se tiña limpado. 21 voluntarios. 2 horas 45 minutos de traballo. Enchéronse 68 sacos de 100 litros con milleiros de botellas de plástico amoreadas nas concavidades do coído e ademaís enorme cantidade de granel, caixas, boias, nasas, aparellos de pesca e 1 estacha de 11 metros. Imposible de transportar de volta por terra, un mes máis tarde, 24 de febreiro, embarcouse todo o lixo en dúas viaxes dunha gamela con destino ao porto de Sta Mariñas. Para o seu transporte e procesamento contouse coma sempre cos servicios loxísticos do concello.

21 de xaneiro de 2017

A Coruña

Exposición artística no Aquarium Finisterrae

Con motivo do vixésimo aniversario da inauguración do Aquarium Finisterrae fumos invitados, xunto co colectivo artístico RetoqueRetro, a montar unha exposición artística construída con lixo mariño que, durante os seis meses que durou a exposición, acadou un notable éxito de visitas e público, da dirección do propio Aquarium e dos medios de comunicación. Durante os seis meses da mostra, a fauna fantástica de RetoqueRetro xunto coas máscaras e as criaturas caóticas de Mar de Fábula, todas elas cunha forte compoñente de información e concienciación ambiental, fixéronse donas de todas as instalacións do museo.

Xaneiro - Xuño 2017

A Coruña

Primeira limpeza na praia de Bens

Esta limpeza de Mar de Fábula foi a primeira acción ambiental que se ten feito para a recuperación deste areal, o máis degradado e contaminado de todo o litoral de Galicia. Un verdadeiro estercoleiro de residuos hixiénico-sanitarios, fías de tecidos e retales de telas, lixo plástico grande e miudo de todas as orixes e areal receptor das descargas dos aliviadeiros de augas residuais de Repsol e algunhas fábricas máis. Espectáculo desolador de contaminacióna plástica e orgánica. Nesta primeira limpeza : 19 voluntarios. 2 horas de traballo. 47 bolsas de 30 litros con milleiros de bastonciños de algodón, centos de aplicadores de tampóns, preservativos, residuos plásticos e ademáis 2 metros cúbicos de fías e tecidos. A partir desta acción de Mar de Fábula, esta praia convertiuse en foco de atracción para diversas iniciativas de limpeza.

15 de setembro de 2017

Fundación Eduardo Pondal

Mesa de debate sobre “Ética e contaminación orgánica do Mar”

Organizada por Mar de Fábula, esta mesa de debate contou coa participación de catro expertos, moderados polo director do periódico dixital QPC, sobre un tema de absoluta actualidade ambiental como é a contaminación orgánica do mar derivada das descargas de augas residuais sen tratar pu deficientemente tratadas. Foron ponentes : José Molares. Subdirector do Intecmar Manuel Soto. Cadeirático de Química da UDC José A. Olveira. Concelleiro Medio Ambiente concello de Cee. Mariví Areas. Licenciada en Química. Mar de Fábula. O interés despertado pola temática a tratar desbordou con moito a capacidade da sala de reunións.

27 de xaneiro de 2017

Riazor, Orzán e Matadoiro - A Coruña

Primeira limpeza do Día Internacional de Limpeza de Praias

A ONG norteamericana Ocean Conservancy organiza cada ano, dende hai máis de 30,, sempre no terceiro fin de semana do mes de setembro, unha recollida de lixo mariño en todas as praias dos cinco continentes nas que unha cadea humana de milleiros de persoas unen as súas mans para descontaminar os océanos. Este ano por primeira vez, Mar de Fábula quixo sumarse a esta convocatoria organizando unha limpeza nas praias que constitúen a sala de estar da cidade da Coruña. A afluencia de voluntarios desbordou todas as expectativas. Segundo os medios de comunicación, máis de 200 persoas en algún momento, entre adultos e menores, participaron na limpeza das tres praias. Total da colleita foron 247 bolsas de 30 liros cheas de lixo plástico miudo máis 5 sacos de 100 litros. Coa colaboración dos servicios loxísticos do concello da Coruña, a totalidade do lixo apañado foi depositado nos containers correspoindentes.

23 de setembro de 2018

Santa Cruz de Oleiros

Mesa de debate sobre a “ A Industria turística dos cruceiros. Novos retos ambientais e sociais”

Organizada polo Ceida e Mar de Fábula, esta mesa de debate reuniu a diferentes expertos sobre a problemática desta industria turística de masas que desenvolve a súa actividade sobre un medio tan fráxil e impunemente agredido como son os océanos. Participaron na debate, cunha notable afluencia de público, os seguintes ponentes : Felipe Louzán. Director da Escola de Náutica e Máquinas. Carlos R. Carro. Director da Escola de Turismo de A Coruña. Luz Baz Abella. Inspectora da Federación Internacional do Transporte Carmen Diego Rozas.Xefa Servizo Neumoloxía Hospital de Ferrol. Xosé Manuel Barros. Presidente Mar de Fábula. Declinaran a invitación a participar nesta xuntanza o Presidente do Porto de A Coruña e o Director Xeral da CLIA ( Asociación Internacional de Liñas de Cruceiros).

21 de febreiro de 2019

Camelle (Camariñas)

Recollida de mercaduría de containers na praia de Camelle

Durante dúas semanas previas a este día, centos, miles de botellas de plástico con aceite de xirasol, aboiando no mar, achegáranse a toda a Costa da Morte, en especial ao litoral dos concellos de Camariñas, Muxía e Laxe, ademáis de millóns de anaquiños de microplásticos ( chatarra plástica) e milleiros de pezas redondas de plástico translúcido que resultaron ser envases de lentillas. Sen dúbida, algún buque portacontainers de todos os millleiros que navegan polo Corredor Marítimo de Fisterra, por mor dos temporais, rompeu as trincas de cuberta caendo containers ao mar e vertendo as súas mercadurías das que, unha parte iría ao fondo do mar e outra, empurrada polos ventos e as correntes superficiais asolagaron a costa. O litoral de Camariñas, en particular as praias de Camelle e Arou foran moi afectadas. Mar de Fábula organizou toda a recollida deste material cunha notable participación dos veciños de Camelle e unha excepcional cobertura dos medios de comunicación. O total da infame colleita, durante 3 horas de traballo, foi 110 botellas con aceite, 157 bolsas de 30 litros cheas de lixo plástico miúdo e 7.500 lenvases de lentillas. Coma sempre, contouse para a retirada dos residuos co apoio loxístico do concello de Camariñas.

23 de marzo de 2019

Camelle (Camariñas)

Mobilización Mundial polo Clima

Convocada neste día unha Folga Mundial polo Clima por parte da organización xuvenil Fridays for Future, Mar de Fábula decidiu contactar con todos os centros de ensino de Camariñas, e co propio concello, para organizar unha xornada de solidariedade con este chamamento á folga pero cunha vertente de mobilización e concienciación da xuventude. Foron 450 escolares de todos os centros de ensino do concello de Camariñas os que se xuntaron na espléndida praia de Camelle para celebrar un día en defensa dos océanos, realizando primeiro unha recollida de lixo plástico e logo, escribindo cos seus corpos na area unha mensaxe dirixida ao mundo enteiro co lema MAR LIMPO XA ! Previamente, un grupo de xubilados de Camelle, con paciencia e esmero, durante 4 horas, marcaran na area as grandes letras desta mensaxe, perfiladas con cabos. Recompoñéndose logo nunha longa ringleira dun extremo a outro da praia, os escolares fóronse pasando e compartindo de man en man o planeta terra, representado nun gran balón de xogos do Ceip O Areal de Camariñas. Esta fermosa xornada, chea de sensibilidade, simbolismo e aposta de futuro, foi resumida nunha gravación en video dunha hora de duración nun excelente traballo profesional realizado polo fotógrafo Diego Alonso de Camariñas, video, accesible en YouTube e que xa forma parte do patrimonio documental do concello.

27 de setembro de 2019

Noia

Proxecto ECONOIA. Nove limpezas de lixo mariño na ría de Noia

Por encargo da Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia, dentro dos fondos FEMP ( Fondo Europeo Marítimo e de Pesca), Mar de Fábula asumiu a responsabilidade de organizar e dirixir nove limpezas de lixo mariño coa participación promedio de 170 persoas mariscadoras en cada unha das nove limpezas realizadas, en praias, rochedos e xunqueiras do litoral dos concellos de Noia e Serra de Outes, distribuídas entre os anos 2020 e 2021. O obxectivo do proxecto foi a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños da ría coa participación dos profesionais do sector. O resultado deste épico traballo de limpeza da ribeira, sen precedentes pola súa dimensión na limpeza e saneamento nas rías galegas, foi a recollida e retirada de 300.608 items cun volume de 163,90 m3 e un peso de 44.168 kgs. Lixo mariño que nunca máis volverá a contaminar o mar. Estas accións de limpeza e conservacíon da contorna dos importantes bancos marisqueiros da ría de Noia marcaron un punto de inflexión na concienciación ambiental do sector a da cidadanía dos concellos respectivos.

2020-2021

Camelle

Centro de actividades ambientais de Mar de Fábula

Despois de sete anos de intenso traballo na limpeza de praias e coídos no litoral da Costa da Morte e Área Metropolitana da Coruña, Mar de Fábula ten conseguido por fin dispoñer, dende xaneiro do 2020, dunhas instalacións en Camelle que gozan dunha ubicación privilexiada, situadas diante da espléndida praia da vila e do seu paseo marítimo e de pano de fondo, a formidable Serra de Pena Forcada, Este escenario amplo e aberto, no que está integrado de maneira armónica as nosas instalacións, conforma no seu conxunto unha espléndida aula da natureza que servirá para acoller as nosas actividades de información e sensibilización ambiental orientadas a trasladar á cidadanía a urxente necesidade de coidar e protexer o mar, base da nosa riqueza e fonte de vida. O obxectivo do noso traballo de información e sensibilización ambiental está enfocado a dous sectores da poboación galega: A ) POBOACIÓN XUVENIL. En primeiro lugar, queremos orientar o noso traballo de cara ás novas xeracions, tratando de conectar a sensibilidade da poboación xuvenil coa realidade da contaminación do mar, contarlles a nosa experiencia na protección e conservación da biodiversidade dos ecosistemas mariños mediante as limpezas de lixo mariño que temos levado adiante nas praias e coídos da nosa costa, tanto dentro das rías como no litoral aberto. Queremos mobilizar a xuventude en edade escolar para lle trasladar o seu role de protagonistas na grande aventura de coidar o planeta. B ) POBOACIÓN ADULTA. En segundo lugar, queremos orientar o noso traballo tamén de cara á poboación adulta porque nunca é tarde para modificar hábitos e, ademáís, sería intolerable deixar toda a carga do coidado do planeta ás novas xeracións. Temos sido os adultos os que durante decenas de anos temos contaminado o mar como se fora un saco sen fondo, sen control ningún, descargando nas súas augas millóns de toneladas de residuos de toda caste.

2020-2021

Só para persoas comprometidas

Se che preocupa o medio ambiente e queres facer algo para que o mar permañeza limpo de plásticos e suciedade faite socio de Mar de Fábula e participa nas nosas limpezas por toda a costa galega