Nesta mañá de domingo, baixo un sol espléndido e un nordés moderado, 18 persoas voluntarias, entre elxs o equipo da Escola Infantil O Berce E.I de Arteixo, fumos limpar a praia de Barrañán, Arteixo, para apañar a colleita de lixo mariño que os mares de inverno deixaron neste areal.
Foi, ao mesmo tempo, unha viaxe de volta á orixe de Mar de Fábula porque as praias deste concello foron o eido cotián de traballo nos primeiros anos da nosa aventura.
Ao remate de 2 horas de limpeza e clasificación por fraccións do lixo recollido, o resultado foi o seguinte:
- Bastonciños de algodón = 178
- Anacos de madeira procesada = 15
- Frascos de meiciñas = 6
- Tubos de crema facial = 5
- Cordas e cordeis = 95
- Anacos de redes e aparellos de pesca = 62
- Tapóns plásticos de botellas = 24
- Paos plásticos das bateas = 11
- Anacos plástico ríxido > 2,5 cm = 56
- Botellas vidro = 2
- cabichas = 34
Total residuos > 2,5 cm. = 488
Máis:
Centos de anaquiños de porexpan e plásticos miudos depositados directamente nun saco e non contabilizados por mor do vento do nordés que podería espallalos pola contorna.
Ao remate da actividade, todo o lixo recollido foi depositado nos respectivos contedores situados ao carón da praia.
Cálculo do Bo Estado Ambiental (BEA) da praia de Barrañán:
Os expertos da Unión Europea na Directiva de Estratexia Marco para o Medio Mariño de cara a conseguir un BEA para as praias europeas, teñen fixado un valor de umbral de 20 residuos ( >2,5cm) por cada 100 metros lineais de praia para acadar o calificativo de BEA.
A praia de Barrañán ten uns 1100 metros de lonxitude e segundo os cálculos correspondentes, teríamos unha proporción de 44,36 residuos / 100 metros de praia, polo que o resultado é o dobre do do límite fixado pola Unión Europea
Moitas gracias a todas as persoas que acudiron ao noso chamamento. Esta actividade ambiental está subvencionada pola Deputación da Coruña