Onte, 22 de febreiro 2026, levamos adiante a segunda macro-limpeza de lixo mariño na praia de Doniños en colaboración coa SGHN ( Sociedade Galega de Historia Natural).
Por segundo ano consecutivo, tamén no mes de febreiro, perto de 40 voluntarios, durante 2 horas de traballo arreo, levaron adiante a recollida de, apenas unha mostra, da enorme cantidade de residuos chegados á ribeira neste tren de borrascas de comezos de ano, todos procedentes do grande supermercado do lixo no que temos transformado os océanos.
Centos de cabos e aparellos de pesca, centos de residuos do lixo retrete, milleiros de anacos de plástico brandos e duros do que antes fron obxetos de uso, ducias da peste noxenta dos paos plásticos das bateas que están por todas partes, 13 botellas de vidro de cerveza, ducias de madeiros e, ao final, unha sopa de mesoplásticos e microplásticos cubrindo a lona de traballo. En total, 29 sacos de 100 litros cheos e semicheos de lixo plástico que nunca máis volverá ao mar.
E isto foi só nunha mitade da praia porque o tempo que pasou axiña e o agotamento xa non daba para máis. Pero xa quedamos emprazados para o ano que ven. Respondendo á petición de axuda do mar, en febreiro do 2027 seremos moitos máis, teremos máis medios e descontaminaremos todo o areal.
Gracias a todos os voluntarios polo seu formidable traballo.
