No vindeiro ano, en Mar de Fábula seguiremos coa nosa teima de limpar o mar aínda que, despois de sete anos, sabemos ben que só estamos atacando os síntomas da enfermidade, dunha grave enfermidade crónica chamada capitalismo que, coa súa implacable eficacia de producción, loxística e marketing, ten elaborado un mecanismo consumista compulsivo que está a facer de nós, a facer do mar, un sumidoiro de lixo para que a festa consumista non pare impedíndonos ver, a realidade dun mundo limitado e finito.
Mais seguiremos no traballo de base porque retirar da ribeira o lixo mariño que o mar nos devolve, danos a lexitimidade precisa para levantar a nosa voz en contra dun sistema de producción e consumo que, de manter este ritmo, de non parar e recapacitar, ímoslles deixar ás próximas xeracións moito trebello tecnolóxico pero tamén moitos desertos e suciedade.
Temos que estar coa xente de a pé, do común, temos que organizarnos a nivel de rúa, a nivel de praia, afastarnos do poder. A única esperanza para a sustentabilidade ambiental e social do planeta radica en nós, na xente do común, na nosa capacidade e vontade de interiorizar o coidado da natureza coma unha necesidade vital máis. É patético ver o espectáculo que montan os líderes políticos a nivel mundial, incapaces de acadar acordos realmente vinculantes que poñan freo ao cambio climático, incapaces de resolver o drama humano dos países do terceiro mundo históricamente esquilmados polo colonialismo e que hoxe, deslumbrados os seus habitantes polo brillo do consumismo, súbense a bordo de fráxiles pateiras porque queren fuxir da pobreza e sumarse tamén á festa. Coas luces da verbena que montará de novo o alcalde de Vigo este próximo nadal incitando ao consumo e a ser felices comprando, non me extrañaría que algunha desas pateiras puidera entrar directamente pola ría de Vigo.
As últimas fornadas de líderes políticos mundiais, engreídos, déspotas e reacionarios, non son máis que monecos manexados polas grandes corporacións financieiras, polos grandes fondos de inversións, polos grandes oligopolios, en definitiva, polo capitalismo global, polo diñeiro, o poder absoluto, que fai dos seus poseedores seres intocables, divinizados, lonxanos, coas súa caras sempre retocadas en busca da eterna xuventude, cómo non ! Co ben que o pasan neste mundo non o queren deixar ! .Mentras, as masas camiñan polas rúas coma zombis manexados por control remoto, cos ollos fixos nas pantallas dixitais, alleas a todo o que lles rodea. A industria do entretenimento é unha formidable ferramenta de manipulación en mans do poder e dentro dela, a industria turística dos cruceiros é a quintaesencia dos inventos do capitalismo planetario para o entretenimento e divertimento das masas. O problema é que esta industria turística de xigantescos resorts flotantes desenvólvese nos océanos, un medio fráxil e ameazado, cheo de feridas producidas polo noso comportamento irresponsable.
Seguiremos atacando os síntomas da grave enfermidade do capitalismo, da grave contaminación mental coa que nos ten aferrollados sabendo que, a única solución para sanar a nosa relación coa natureza pasa por un replantexamento de prioridades e valores no ser humano.
No vindeiro ano, seguiremos limpando o mar.