Como é preceptivo pola lexislación vixente, este sábado 15 de xaneiro, as 16:00 horas, a asociación Mar de Fábula celebrou en Camelle, a súa asamblea anual, de maneira virtual pola pandemia, utilizando aos efectos unha espléndida pantalla de TV de 50” instalada na sede da asociación e adquirida cunha subvención para investimentos da Deputación Provincial.
Na orde do día, despois da presentación do estado de contas, pasouse revista ás actividades ambientais realizadas no 2021 onde as limpezas da ribeira e as visitas de centros de ensino ás instalacións de Mar de Fábula en Camelle foron os eixos de referencia. De cara ao 2022, as limpezas de praias e coídos seguirán sendo a carta de natureza da asociación xunto cun decidido pulo para aumentar as visitas de escolares a Camelle para levar adiante actividades ambientais con Mar de Fábula, sempre que a situación sanitaria mellore.
O desenvolvemento de diferentes proxectos, a captación de novos socios e a formación dunha equipa profesional de educadores ambientais da asociación foron outras das liñas de traballo fixadas.
Despois dunha animada participación dos socios no capítulo último de rogos e preguntas, deuse por levantada a asamblea ás 17:30 horas da tarde.