“A Casa non Alto” xorde do desexo de achegar un espazo onde creativos emerxentes poidan desenvolver o seu proxecto creativo en relación á contorna e as súas circunstancias (económicas, patrimoniais, ambientais, sociais…) Con ese fin, abrimos unha vivenda-taller no centro da poboación de Camelle íntegramente dispoñible para que novos artistas poidan residir temporalmente nela coa intención de levar a cabo prácticas de experimentación na contorna no que nos atopamos.
Talleres de promoción artística, ambiental e cultural na Costa da Morte
Camelle é unha vila mariñeira que inspira arte.
A súa xeografía agreste e ao tempo acolledora, conformada por un pequeno golfo de mar encaixado entre o paseo marítimo e os coídos, o debuxo dunha tranquila praia ao fondo e o perfil descendente da Serra de Pena Forcada mergullándose no Atlántico, son todos elementos dunha paisaxe única, eterna e inspiradora, cunha forte compoñente espiritual.
Non é de extrañar que un dos homes máis singular a nivel planetario, o arquetipo de artista-amante da natureza, asentara a súa vida e a súa obra, durante 40 anos, neste lugar.
Neste contexto, consideramos que Mar de Fábula, asentada tamén en Camelle e que utiliza a arte coma unha ferramenta máis na defensa do medio mariño, pode e debe transceder a súa realidade actual e dar un paso adiante para mobilizar sensibilidades de xente nova que reflexione polos mesmos obxectivos da nosa asociación.
Cales son estos obxectivos ?
A limpeza e protección do medio mariño e do medio litoral está no primeiro lugar pero tamén queremos promover e defender o patrimonio natural, o patrimonio cultural e o patrimonio marítimo-pesqueiro da Costa da Morte.
Queremos preservar a biodiversidade da nosa paisaxe fomentando un turismo de natureza que fuxa da estacionalidade do verán porque a Costa da Morte é fermosa todos os meses do ano.
Queremos loitar contra a despoboación da bisbarra e que xurdan industrias baseadas na riqueza natural que estamos a coidar. Queremos cultivar a convivencia cidadán nas nosas vilas mariñeiras e traballar unidos por un futuro sostible.
Que mellor maneira de axudar a estos obxectivos que poñer un feixe de xente nova, especialistas en diferentes disciplinas, coas súas raíces na terra, a pensar e traballar de maneira crítica e constructiva, nun fervedoiro de ideas ?
Principios xerais nos que se asenta o proxecto
Enfocamos A Casa no Alto coma un Centro de Interpretación de Arte do Mar, un proxecto experimental onde os artistas conviven e traballan de maneira flexible e libre, liberando o seu potencial creativo, xa sexa de maneira individual ou colectiva nun grupo con intereses comunes.
Os talleres de Arte do Mar serán unha fonte de novas ideas artísticas, ambientais e culturais. Serán un lugar de inspiración para o cambio de cara a sociedades máis ecolóxicas e xustas. Vivimos nun mundo incerto, mergullado nunha sorte de crise permanente e neste contexto os artistas poden xogar un papel importante na sociedade porque a arte é unha linguaxe simbólica que ten acompañado ao ser humano dende a súa orixe.
E quén acompaña a Mar de Fábula nesta aventura ?
Presentado o proxecto na última convocatoria de subvencións do Galp Costa da Morte, imos da man nesta aventura cos nosos amigos de WE Sustainability, plataforma ambiental con sede na Coruña, á que nos unen estreitos lazos de amizade e sintonía contrastada en numerosas actividades ambientais que temos desenvolvido de maneira conxunta.
Apertura das portas da Casa no Alto
Baixo a dirección de Pablo López, artista plástico promotor e inspirador desta iniciativa e socio de Mar de Fábula, as portas da Casa no Alto abríronse o día 11 de marzo e ficarán abertas até o remate do mes de maio. Logo virá a exposición da obra artística realizada, tanto no Museo de Man de Camelle como nas instalacións de We Sustainability na Coruña.