Os océanos cubren máis do 70% da superficie do planeta e son fonte de vida, sustento da humanidade e acollen a meirande parte da biodiversidade da Terra.
Para lembrar o seu importante papel na nosa vida diaria, Mar de Fábula organizará un gran acto simbólico en defensa do mar de Camariñas o vindeiro 6 de xuño, mediante a limpeza do lixo plástico que ensucia, degrada e contamina a contorna do banco marisqueiro da Basa. Participarán :
- Confraría de pescadores de Camariñas
- Agrupación de Mariscadoras de Camariñas
- Confraría de Pescadores de Camelle
- Concello de Camariñas
- CEIP O Areal de Camariñas
- CEIP Ponte do Porto de Camariñas
- IES Terra de Soneira de Vimianzo
- Mar de Fábula
É moi importante salientar o papel que xogará nesta acción ambiental a comunidade escolar de Camariñas e Vimianzo, nenos e nenas, moitos deles fillos e fillas, irmáns e parientes de mariscadoras e pescadores. De aquí ven o adiante de 2 días na celebración de tan importante efeméride a fin de que os escolares asuman un papel activo e consciente na defensa do mar de Camariñas, alicerce da historia e cultura das súas familias e protagonista xunto con eles dun futuro a construír.
O punto de encontro será o restaurante Rojo ás 1000 horas da mañá. Tempo aprox. da limpeza 2 horas. Despois todos os participantes celebraremos un picnic de confraternidade na Área Recreativa do Ariño con bebidas e provisións de boca que cada un levará da súa casa.
O concello de Camariñas coordinará as accións preparatorias, apoio loxístico e suministro do material necesario para levar adiante esta importante acción ambiental de limpeza e coidado do noso mar.