Onte a mañá, 32 voluntarios dos 35 anotados, botándolle valor, comezaron ás 1100 horas a limpeza na praia de Doniños baixo unha choiva que non estaba convidada porque todos os pronósticos anunciaban que pararía sobre as 0900 horas pero non foi tal. Só ao mediodía o ceu, paseniño foi abrindo e puidemos adicar unha hora máis de traballo, aínda enchoupados polo fino orballo, a liberar de lixo infame este espléndido areal.
Ao estar chovendo, non se prestou o día para abrir a lona e facer a caracterización dos residuos como é o noso protocolo e todos os acúmulos do lixo retrete como os bastonciño das orellas, restos de compresas, toalliñas, aplicadores de tampóns, mesturados con plásticos, cordas, paos das bateas, aparellos de pesca, botellas e todo unha miscelánea de refugallos, todo entraba directamente nos sacos de 100 litros que arrastraban os voluntarios, cada vez con máis peso.
Respondendo á nosa chamada e, nun acto de coherencia, o Concelleiro de Medio Ambiente do concello de Ferrol fixo acto de presencia. Xunto con Xan Silvar, presidente da SGHN, analizamos a tres bandas cal podería ser a orixe desta invasión de residuos do lixo retrete que, en acúmulos mesturados co argazo, cubrían todo o longo do areal, máis abundantes na mitade norte dos 2.000 metros de praia. Por descarte, concluímos que a orixe non podía ser outra que un “sentinazo “ de augas negras dun cruceiro dos moitos que pasan cargados de turistas por diante das nosas costas, acto criminal para a saúde do mar, descargar as augas fecais sen tratar directamente no mar, mais legal segundo a lexislación marítima internacional porque estas cidades flotantes pasan máis aló das 12 millas da costa.
Nesta primeira acción ambiental de Mar de Fábula nunha praia de Ferrol queremos manifestar que foi un pracer colaborar coa SGHN na figura do seu presidente Xan Silvar, persoa acolledora…
Tamén agradecer a valentía das persoas voluntarias que, nunha mañá de domingo que invitaba máis a seguir na cama que a saír á praia, tiveron a coraxe de se poñer en pé e botarlle unha man ao mar. De maneira especial o meu recoñecemento aos meus antigos compañeiros de empresa.



