O pasado xoves 10 de agosto fumos limpar a praia de Mar de Fora en Fisterra coa intención de avaliar o seu estado ambiental posto que, nunha primeira inspección visual feita hai uns quince días, a praia relucía limpa a primeira vista.
Esta acción ambiental foi realizada en colaboración co proxecto VISITA Á COSTA DA MORTE, dun grupo de bloggers, moi activos e sensibilizados apañando plásticos, cada un especialista no seu respectivo eido pero todos unidos na limpeza e protección do medio mariño.
En total participamos 15 voluntarios e o resultado da limpeza, despois de hora e media de trabllo, veu a reconfirmar a nosa experiencia máis que contrastada de todos estos anos : Unha praia que aparentemente estaba limpa, poñendo mans á obra e focalizando a atención na tarefa a realizar, xurdiron dos argazos e no medio da area centos e centos de anacos de plástico medianos, de anaquiños pequenos e moito microplástico que converteron, unha vez máis, nunha utopía acadar o umbral fixado pola Comisión Europea de 20 refugallos por 100 metros lineais de praia para obter a clasificación de Bo Estado Ambiental.
Ao remate da limpeza, algúns dos participantes celebramos un xantar de irmandade baixo a sombra acolledora do pinar da longa praia de Langosteira.