De acordo cos estatutos da asociación para nomeamentos ou ceses na xunta directiva, o sábado 14 de xaneiro ás 1700 horas, celebrouse Asamblea Xeral Extraordinaria de Mar de Fábula na sede da asociación en Camelle para tratar, como asunto principal, a dimisión por motivos de saúde do actual presidente Xosé Manuel Barros e proceder á elección dunha nova presidencia. Mediante un proceso aberto e democrático de presentación de candidaturas, saiu nomeada para o cargo Virxinia Barros López, actual secretaria da asociación.
Seguindo a orde do día, presentouse logo o estado de contas e fíxose un breve resumo das actividades ambientais realizadas no 2022 onde as limpezas na ribeira e as visitas de centros de ensino ás instalacións de Mar de Fábula en Camelle foron os eixos do traballo. De cara ao 2023, as limpezas de praias e coídos seguirán tendo carta de natureza na asociación xunto cun decidido pulo para aumentar as visitas de escolares a Camelle. O desenvolvemento de varios proxectos e un decidido esforzo para a captación de novo socios foron outras das liñas de traballo fixadas pola nova presidencia.
Despois dunha animada participación dos socios no capítulo de rogos e preguntas, deuse por levantada a asamblea ás 19:30 horas.