Mar de Fábula fai un chamamento a todas as persoas voluntarias dispostas a participar o vindeiro domingo, 7 de abril, na limpeza da praia das Salseiras de Caión e na recolllida dos pellets de plástico que, de maneira crónica, veñen contaminando por milleiros este areal.
Non son pellets de plástico procedentes dalgún dos moitos barcos portacontedores que pasan polo Corredor Marítimo de Fisterra, senón, pellets de plástico que veñen de terra firme, milleiros deles, dos que cómpre investigar, dunha vez por todas, cal é a súa orixe.
Se todas as alarmas sonaron nas nosas praias neste comezo de ano pola vertedura de pellets dun só container, non podemos ficar impasibles diante desta agresión ambiental, calada, crónica, da que ninguén fala, desta materia prima perdida por algunha fábrica e que chega mesturada con multitude de microplásticos secundarios e residuos hixiénico-sanitarios, intoxicando a fermosa praia das Salseiras dende hai moitos anos.
INFORMACIÓN DA LIMPEZA:
DÍA: domingo, 7 de abril.
HORA: ás 11.00 horas.
PUNTO DE ENCONTRO: aparcamento situado mesmo ao pé da praia.
A efectos das cobertura obrigatoria de seguro para accións de voluntariado ao aire libre, cómpre anotarse, antes das 12.00 horas do sábado, con nome, apelidos e DNI no correo: info@mardefabula.gal
Calquera dúbida, chamar ao tlfno : 608609042
Levaremos todo o material necesario para acometer esta limpeza, peneiras, coladores, capachos, luvas, sacos, etc…
NOTA: é probable que a chuvia nos acompañe durante a xornada, vide preparadxs para ela. Temos o aparcamento perto por se é necerario guarecernos nun momento dado.
Vémonos o domingo Agradécese difusión
Contaremos co apoio loxístico do Concello da Laracha Limpeza incluída nas actividades subvencionadas pola Deputación da Coruña .